CRTVG

Buscar

Viño, aceite, mexillóns e queixo dos máis afectados polos aranceis

Publicado o 05/10/2019 14:18

O principal damnificado é o viño. Exportamos por valor de máis de catorce millóns de euros o ano pasado.

Outros dos prexudicados é o mexillón en conserva, con máis de 760.000 euros vendidos no exterior. En terceiro lugar, segundo os datos do Ministerio de Industria, está o aceite de oliva virxe, con case 537.000 euros. E o resto das exportacións: queixo fresco, licores e outros produtos en Galicia superan os 159.000.

Viños e a conserva, os dous produtos galegos máis afectados pola decisión de Trump 

Ambos os dous sectores teñen o mercado americano como un dos seus destinos principais. Ante esta situación xa pensan en redirixir as súas exportacións cara a outros países. 

O ano pasado as exportacións dos viños galegos a Estados Unidos das cinco denominacións de orixe galega supuxeron 14 millóns de euros e no actual exercicio xa facturaron 8 millóns. Coa suba do 25 por cento nos aranceis o sector xa estuda novas estratexias para a súa internacionalización e fíxanse noutros mercados.

Nas conservas a medida afecta ao mexillón, a ameixa, o berberecho e a navalla. Estados Unidos é o segundo país despois da Unión Europea en exportacións. As empresas conserveiras veranse na obriga de reorientar a súa política comercial.

España exportou o ano pasado mais de cinco mil toneladas de conservas e preparados de peixes e mariscos. Ambos os sectores, o vinícola e o conserveiro, agardan unha resposta contundente por parte da administración comunitaria.

Aceite de oliva e queixo, entre os prexudicados

O sector aceiteiro facturou o ano pasado 405 millóns de euros nos Estados Unidos. Esta empresa de Ourense vende alí anualmente dous millons de litros de aceite de oliva.

Nesta empresa, as exportacións aos Estados Unidos supóñenlle o 15 por cento do seu negocio, a metade das exportacións totais.

A estratexia desta empresa vai ser diversificar o produto e ampliar mercado cara a Latinoamérica.
Estoutra queixería de Vilalba exporta aos Estados Unidos queixo San Simón e queixo azul.

Ese trinta por cento supón unha facturación anual de medio millón de euros. Por exemplo, coa suba de aranceis así se vai encarecer un queixo destes para o consumidor norteamericano.

O ano pasado o sector lácteo español facturou 87 millons de euros nos Estados Unidos.

Resposta da Xunta

Respecto ao incremento de aranceis, a Xunta anunciou un seguimento da nova situación para avaliar como lles afecta ás nosas exportacións. O conselleiro de Economía dixo que o Goberno galego trasladará á Unión Eruopea a necesidade de que sexa firme na súa política comercial en defensa dos intereses dos países que a integran.

Reaccións en Madrid

O PP critica a mala relación de Pedro Sánchez coa Casa Branca e ínstao a que lidere a negociación da Unión Europea para evitar males maiores. O ministro de Agricultura di que, se os norteamericanos inician unha guerra comercial, o Goberno responderá.

"Estámonos coordinando a nivel europeo cos tres países do consorcio Airbus, Francia, Alemaña e Reino Unido pero tamén están afectados os demais países europeos. Así que temos que deixar claro aos Estados Unidos que non queremos unha guerra comercial pero que se a inician, imos responder", dixo Luis Planas, ministro de Agricultura en funcións.

"O problema é que Zapatero tivo unha mala relación cos Estados Unidos, e Pedro Sánchez tampouco se leva ben coa administración norteamericana. E iso acaba pagándose. A guerra comercial dos Estados Unidos coa China estaa pagando España no sector siderúrxico e agora a guerra arancelaria dos Estados Unidos coa Unión Europea vaina pagar tamén España se o Goberno non negocia coas autoridades estadunidenses ou non lidera esa negociación no marco da Unión Europea", respondeu o líder do PP, Pablo Casado.

A sanción da OMC, na orixe

A orixe desta penalización aos produtos do campo está na sanción da Organización Mundial de Comercio á Unión Europea por competencia desleal. O Goberno americano xa denunciara as subvencións a Airbus en 2004, durante o goberno de George W. Bush. Pero non foi ata o ano pasado que puido cuantificar o prexuízo causado á aeronáutica estadounidense Boeing, que agora as partes negocian para compensar. 

"Hai dous tipos de medidas compensatorias. Directas sobre o produto que se ve prexudicado: as importancións e exportacións de aeronaves. Pero como isto non chegaría para compensar o dano causado hai tamén o que se chaman medidas de retorsión, que implican a outros sectores, a outros produtos para compensar ese dano", explica Miguel Otero, director do Máster en Comercio Exterior da USC.

 

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

05/10/2019