CRTVG

Buscar

Villares reúne a súa coordinadora para analizar a situación de En Marea

Publicado o 20/06/2019 14:44

Agrávase a crise dentro do grupo de En Marea no Parlamento galego. O sector crítico, que ten a maioría, négase a acatar as directrices do partido e desafía o seu voceiro. Luís Villares, pola súa parte, reúne esta tarde a súa coordinadora para decidir o seguinte paso. Ás cinco desta tarde, Luís Villares dará unha rolda de prensa para despexar o futuro de En Marea. Non se descarta ningunha hipótese, mesmo a ruptura do grupo parlamentario.

"Loxicamente, é algo que pode ocorrer, sobre todo vendo a belixerancia coa que se vén comportando Luís Villares e a coordinadora de En Marea nos últimos tempos. Entendemos que pode chegar unha situación deste tipo. A intención maioritaria do grupo parlamentario é continuar ata o final da lexislatura", di Marcos Cal, deputado da formación.

Os oito deputados críticos néganse a deixar o escano ou ir ao grupo mixto, como lles pediu o partido. E en caso de seguiren xuntos, van promover o cese de Luís Villares como voceiro.

"É inadmisible, intolerable. As acusacións son feroces, indignas. Como voceiro deixa moito que desexar porque el ten un mandato, e ese mandato non é dicir unilateralmente o que el pensa", afirma a deputada Ánxeles Cuña.

A crise agravouse a raíz do nomeamento dun senador autonómico. Os críticos rexistraron un candidato diferente ao proposto por Villares e os tres deputados que apoian o líder.

"Non entendo que xente que firmou e adquiriu uns compromisos con En Marea hoxe non acaten o que di o Consello", dixo Davide Rodríguez. En Marea acúsaos de seren tránsfugas ao servizo de Podemos.

Noticias web

20/06/2019