Villares reivindica En Marea lonxe de Podemos
Luís Villares reivindica o espazo de En Marea e pon distancia con Podemos, que, na súa opinión, perdeu pluralidade coa liña imposta por Pablo Iglesias. Convencido de que En Marea superará a súa crise interna, ve preciso retomar o diálogo e aprender dos erros.
"Fomos colocados conforme un discurso de Podemos en que nós non queriamos estar. Nós queriamos un espazo máis amplo transversalmente e máis amable", dixo Villares.
Tamén avogou polo apoio das Mareas aos gobernos progresistas o quince de xuño: "Nesa investidura deben apoiarse as propostas programáticas que permitan continuar co avance social iniciado polas Mareas".
En Santiago, Compostela Aberta pasa á oposición que, de momento, liderará Martiño Noriega. Acordou coa asemblea da formación participar na transición institucional.
"Na futura etapa o meu papel ten que ser outro, pero por min non vai quedar facer un proceso de transición nos vindeiros meses e facer de representación pública nos vindeiros meses", explicou o alcalde en funcións, á saída da xuntanza.
Noriega di que el marcará os tempos.