Villares lembra que os que piden unha coalición para as xerais son os que crearon En Marea
Martiño Noriega súmase á petición do alcalde da Coruña de configurar unha coalicion para evitar que a confluencia galega se divida en dúas candidaturas para as eleccións xerais.
"Nós demandamos unidade igual ca a que temos aquí. Se non pode ser mediante un partido instrumental porque as partes non se senten reflectidas nel que sexa mediante unha coalición. A Juan Pueblo iso tanto lle ten. Fumos en coalición en 2015 ao Congreso e foron os mellores resultados do espazo de unidade popular", asegura o alcalde de Santiago.
Pero Villares dilles que a cidadania premia a unidade. Di que só pode darse baixo a marca do partido instrumental e lembra que En Marea creárona os que agora piden unha coalición.
"Coa proposta que temos enriba da mesa desde En Marea, que foi unha proposta que copiamos da Marea Atlántica, de Compostela Aberta, que foron exitosas no ámbito municipal pensamos que colle todo o mundo e non se exclúe a ninguén. Compostela e Marea Atlántica non exclúen os partidos políticos", asegura o voceiro de En Marea.
Con todo Villares cre que hai espazo para a negociar unha soa candidatura. A única posición irreconciliable, asegura, témola coas dereitas.