CRTVG

Buscar

Villares fracasa no seu intento para integrar os críticos

Publicado o 03/07/2017 08:20

O voceiro parlamentario de En Marea presentoulle a proposta integradora ao sector crítico para que se unisen á Coordinadora antes do plenario do próximo 15 de xullo. Pero os membros da candidatura Máis Alá, que en abril rexeitaran formar parte deste órgano, non o aceptaron

O voceiro parlamentario de En Marea, Luís Villares, comparece esta mañá ante os medios de comunicación para tratar asuntos de actualidade política. Un deles será a proposta integradora que onte lle presentou a dirección de En Marea ao sector crítico para que se unisen á Coordinadora antes do plenario do próximo 15 de xullo. Pero os membros da candidatura Máis Alá, que en abril rexeitaran formar parte deste órgano, non o aceptaron.

O obxectivo de integrar na Coordinadora de En Marea as distintas sensibilidades que participan na formación volveu frustrarse no Consello das Mareas, a pesar de responder ás demandas dos inscritos. O seu portavoz, Luís Villares, presentou unha proposta de ampliación a 15 membros para que a dirección fose máis integradora, pero sete votos en contra anularon esta oferta. "Aínda que a Coordinadora inicialmente se conformou a 11, nós pensamos que non debera de haber ningún problema en que as persoas inscritas e o Plenario puidesen validar unha ampliación na coordinadora para incluír a todas as sensibilidades que inicialmente decidiron non formar parte do que é hoxe." 

Pola súa banda, a Coordinadora Nacional de Anova, onde están algúns dos críticos, apostou por volver aos consensos fundacionais da Asemblea de Vigo. Aprobaron un documento centrado no programa político e nas liñas de actuación de En Marea tal e como anunciaba Antón Sánchez  "O documento é un pouco unha análise política do que debe de ser En Marea e do que debemos seguir construíndo como En Marea. Para nós hai tres claves fundamentais que definiron este espazo de ruptura en Galicia: unha é a diversidade e a pluralidade que precisamos integrar para ser unha alternativa hexemónica." Outra das esixencias recollidas neste documento é que En Marea sexa un espazo político e social de ruptura, diferente dos partidos clásicos.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

03/07/2017