CRTVG

Buscar

Villares e os seus deputados afíns rompen co grupo de En Marea e pasarán ao mixto

Publicado o 21/06/2019 09:06

Xa é un feito. Rompeu o grupo parlamentario de En Marea. Luís Villares e outros tres deputados pasan ao grupo mixto e anuncian a creación dun novo proxecto político. Aseguran que non foron decisivas as diferenzas sobre a elección do senador que lles correspondía. 

Luis Villares di que a elección do senador foi o detonante da ruptura, a gota que rebordou o vaso. Fala de desobediencia, incumprimento de acordos e sobre todo de supeditacion e seguidismo aos ditados de Podemos por parte da maioría dos deputados de En Marea.

O Consello das Mareas tomou unha decisión que, aseguran, deberían adoptar antes . Din que o grupo parlamentario de En Marea respondía hai tempo aos ditados de dúas formacións políticas diferente.

Luís Villares, voceiro de En Marea: "Estes catro deputados e deputadas abandonamos un grupo parlamentario que xa non representa a En Marea senón a Podemos e aqueles que decidiron seguir o seu ditado".

Nun ton case de alivio, Luís Villares dixo que para facer política non é necesario vivir na estridencia e no enfado e anunciou o lanzamento dunha nova formación.

Luís Villares, voceiro de En Marea: "Nos a partir de agora emprendemos un camiño para construír en positivo un discurso político que busque solucionar os moitos problemas que ten a xente. Pensamos que isto é un paso necesario, lamentamos e por iso nos desculpamos de non tomalo antes.

Din que xa non van rexistrar o nome da senadora decidida polas bases de En Marea e son conscientes de que os outros dez deputados quedaran coa marca do grupo parlamentario.

Luís Villares, voceiro de En Marea: "Non imos pelexar por algo que é non é mais ca unha pinga que fixo rebordar o vaso. Poñemos un punto e á parte para poder cumprir fielmente os mandatos cos que viñemos representar os galegos e as galegas no Parlamento de Galicia.

Coa división, En Marea deixaría de ser o segundo grupo máis numeroso no Parlamento de Galicia e non está claro que pasará co senador de designación autonómica.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

21/06/2019