CRTVG

Buscar

Villares tras o plenario de En Marea: "Sería irresponsable se non estivese preocupado"

Publicado o 17/07/2017 21:00

Nunha entrevista na Radio Galega, o voceiro de En Marea recoñeceu que a formación ten que traballar para recuperar o consenso despois da celebración do plenario deste sábado

O voceiro de En Marea, Luís Villares, recoñece que a formación ten que traballar para recuperara o consenso despois da celebración do plenario deste sábado. Nunha entrevista na Radio Galega, Villares confiou en que Podemos volva a arroupar a En Marea. E recoñeceu que é inevitable estar preocupado tras o transcurso do plenario, que estivo marcado por ausencias como as de Martiño Noriega e Xulio Ferreiro. 

"Sería irresponsable se non estivese algo preocupado, non?". Así resume a situación Luís Villares tras o plenario de En Marea deste sábado. Na asemblea impúxose a tese política oficial pero no medio dun forte debate interno co sector crítico, respaldado entroutros por Xosé Manuel Beiras. O histórico líder abandonou o plenario tras a votación. Os alcaldes da Coruña e Santiago decidiron non acudir ao plenario. 

"Quen non foi será que tiña tarefas, non sei se máis importantes, pero dentro do espazo político díficilmente é pensable que fosen máis importantes", afirma Villares.

Recoñece tamén que é necesario traballar desde xa parar recuperar o consenso e dille a Podemos que as portas están abertas para volver a arroupar a En Marea. A aprobación da carta financeira tamén estivo rodeada de polémica. No último momento decidiu retirarse a proposta de compensar a quen gañaba máis antes de entrar en política e, a cambio, a formación decidiu subir o tope salarial de 2.000 a 3.000 euros, tres veces o que En Marea considera que debería ser o salario mínimo interprofesional.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

17/07/2017