CRTVG

Buscar

Luis Villares aspira a que En Marea teña grupo propio no Congreso dos Deputados

Publicado o 14/02/2019 19:45

O voto de catro dos cinco deputados de En Marea a favor de seguir tramitando os orzamentos do Estado fixo que unha vez máis que Anova, Podemos Galicia e Esquerda Unida marcaran distancias coa dirección de Luís Villares. Consideran que debían votar como marcaba a coalición en que foron elixidos e non seguindo a directriz do partido instrumental. Hai dúbidas de se coa actual crise interna que arrastran desde as primarias se reeditará a alianza para unhas eventuais eleccións xerais. Anova aínda non decidiu. Podemos Galicia e Esquerda Unida parecen telo claro.

"En Marea sae gañar, dou por feito que imos reproducir a nosa coalición e imos saír, ademais, con alegría", asegura Yolanda Díaz, de EU.

Pero o voceiro de En Marea pon condicións.

"Na construción das candidaturas para as próximas eleccións xerais unha cuestión vai quedar clara. En Marea vai ter un programa político claro e vai presentarse de xeito que teña grupo parlamentario propio e non condicionado ao grupo parlamentario de Unidos Podemos ou de calquera outra forza política", di Luís Villares.

O consello de En Marea convocou este sábado os cinco deputados no Congreso para avaliar a situación políica.

 

Noticias web

14/02/2019