CRTVG

Buscar

Villares asegura que lidera unha "nova marea" que busca recuperar a "transversalidade"

Publicado o 13/07/2019 20:56

Xornada de reflexión e debate en En Marea sobre o camiño percorrido durante os anos da "unidade popular" que acabou coa fractura con Podemos Galicia, Esquerda Unida e Anova, e xornada tamén para definir o proxecto político que debe marcar as diferenzas desta organización co resto de partidos, antes de pensar na fórmula de concorrencia electoral futura.

"Hoxe non é o día de debater "con quen", senón que hoxe era o día de debater "quen somos" "que é o que ofrecemos". Hoxe chegamos á conclusión xa meditada de que existe un espazo progresista en Galicia que quedaría orfo se non existise En Marea. Que non está neste momento cubríndoo o PSdeG, nin Unidas Podemos nin o BNG. E ese espazo progresista galego amplo, que crea no país e que crea nos novos valores do progresismo europeo é o que está representando e o que quere representar En Marea", dixo o seu portavoz, Luís Villares.

Villares insistiu no compromiso coa igualdade, o feminismo e o ecoloxismo político e cunha idea ampla e aberta de nación baixo a que se poida sentir representada unha boa parte da cidadanía galega.
No plenario participaron unhas 200 persoas, e o grupo parlamentario deu conta do traballo feito nos últimos meses e das futuras liñas de actuación no Parlamento de Galicia.