CRTVG

Buscar

Villares acusa a Podemos de tentar desestabilizar En Marea ao perder as eleccións

Publicado o 09/01/2019 19:14

Luís Villares inscribe a ameaza de ruptura de En Marea nunha perrencha de Podemos tras perder as primarias. Considera irresponsable desestabilizar a formación e pídelles aos socios que acaten os resultados. Pero David Bruzos, da lista que quedou en minoría, di que é dificil continuar dentro de En Marea cando hai tantas dúbidas sobre a limpeza das eleccións internas.

No programa Bos días Luís Villares defende a limpeza das eleccións internas de En Marea que gañou a súa candidatura. Insta os socios da formación a aceptar o resultado e critica a oferta que lles fai o líder de Podemos Galicia para dialogar á marxe do partido. Para Villares, é froito dunha perrencha.

Luis Villares, voceiro de En Marea: "Gómez-Reino tiña aquí un encargo que era intentar gañar En Marea para Podemos e non o consegue. Polo tanto está enfadado, está desgustado porque non cumpre o encargo que lle fai Pablo Iglesias e non lle queda outra que cargar contra a propia organización. Seria unha irresponsabilidade que Gómez-Reino ou que Pablo Iglesias intentasen romper o espazo político de En Marea".

Pero o seu competidor nas primarias di que non pode acatar o resultados ante as irregulariedades detectadas polo auditoria. 

David Bruzos: "A xente que participou dese proceso ten serias dúbidas sobre que se respectara o sentido do seu voto polo tanto é normal que a xente pense que este resultado non se pode acatar. Consideramos que é unha situación de anormalidade democrática enorme e que é dificil manterse aquí".

Os críticos non desbotan conformar listas electorias alternativas noutro espazo político.

 

Noticias web

09/01/2019