CRTVG

Buscar

Villarejo, nos audios da Kitchen: "As maldades que me encargaron para salvarlle o cu ao Barbas"

Publicado o 28/09/2020 23:13
Villarejo, nos audios da Kitchen: "As maldades que me encargaron para salvarlle o cu ao Barbas"

O excomisario José Villarejo presumiu nunha conversa recollida pola policía da de "cousas" que fixera "polo Barbas", en alusión ao expresidente do Goberno Mariano Rajoy, de quen chegou a dicir que "podía estar preso", e engadiu: "As maldades que me encargaron a min para salvarlle o cu ao Barbas". 

Así consta nun oficio da Unidade de Asuntos Internos do pasado 4 de maio, que está incluído no sumario do caso Kitchen e onde se investiga unha suposta espionaxe ao extesoureiro do PP Luís Bárcenas en busca de documentos presuntamente comprometedores para dirixentes do partido.

"As maldades que me encargaron a min para salvarlle o cu ao Barbas (...), non podes imaxinar as cousas que fixen eu polo Barbas, non podes nin imaxinar! Que podía estar preso! O presidente do Goberno, eh, por moitas cousas... e perdéronse papeis, perdéronse caixas e perdéronse moitas cousas (...) e operacións de tal, dicir, oe en tal sitio hai papeis de Bárcenas, hai que ir rompelos".

Neste extracto da conversa recollida por Asuntos Internos Villarejo "manifesta o seu malestar" polo modo en que finalizou a súa etapa na Policía "a pesar dos delicados servizos en que recoñece intervir". No informe, que subliña que Villarejo "identifica a persoa á que alcuman o Asturiano co Barbas, en alusión a Mariano Rajoy", os axentes reproducen parte da conversa que o excomisario mantén coa súa muller, coa xornalista Ana Rosa Quintana e co seu marido, o empresario Juan Muñoz, procesado nunha das pezas do caso Tándem.

Nela, Villarejo tamén lle daba eco a algunha conversa que dixo que mantera coa exsecretaria xeral do PP María Dolores de Cospedal, a quen, segundo o seu relato, lle dixo en relación a unha petición que lle fixo: "María Dolores, pasas a vida pedíndome cousas e dásme moi pouco, eh".