Villarejo asegura que tivo "contacto directo" con Rajoy sobre a operación Kitchen
O excomisario José Manuel Villarejo afirmou ata en dúas ocasións este xoves que mantivo un contacto directo e a través de mensaxes "monosilábicas" co expresidente do Goberno Mariano Rajoy para falar da operación Kitchen, sobre unha suposta espionaxe parapolicial ao extesoureiro do PP Luis Bárcenas.
Villarejo compareceu este xoves na comisión parlamentaria de investigación desta suposta operación parapolicial e, aínda que nun principio sinalou timidamente que dubidaba de que "o señor Rajoy" non estivese ao tanto do dispositivo, máis tarde afirmou varias veces que falou con el do mesmo. "O señor Rajoy contactaba comigo", comezou dicindo Villarejo a preguntas da deputada de Vox Macarena Olona, para máis tarde sinalar: "Eu tiven contacto co señor Rajoy directamente desta operación". "Pódolle dicir que había un teléfono de contacto que empezaba por 650 e termina en 10" a través do cal, segundo Villarejo, Rajoy preguntoulle cuestións relacionadas con Kitchen porque, engadiu, "tiña interese" non só por se Bárcenas gardaba información que puidese afectar o PP, senón tamén se tiña outra que afectaba os intereses de altas institucións do Estado.
Ante a sorpresa da deputada, Villarejo explicou que "unha serie de persoas", entre as que citou o exsecretario de Estado de Seguridade Francisco Martínez; a exsecretaria xeral do PP María Dolores de Cospedal e o presidente da Razón, Mauricio Casals, "periodicamente" transmitíanlle " inquedanzas do presidente do Goberno".
De acordo á versión de Villarejo, chegou un momento en que se enfadou porque estes supostos intermediarios pedíanlle que informase vía mensaxe a Rajoy sobre cuestións que xa lles respondeu a eles: "Dixen, isto é unha tolemia (...) Que pasa, que este señor non se fía de vós?". Sobre o tipo de mensaxes que se cruzaba con Rajoy, Villarejo dixo que eran moi "monosilábicas" para que confirmase algunhas informacións que chegaban como, por exemplo, se era certo que Bárcenas podía ocultar infomación nun chalé de Baqueira.
O comisario tamén vinculou a exministra Cospedal en Kitchen ao sinalar que coñecía a investigación "porque era un dos medios a través dos que estaba informado o presidente do Goberno", e indicou que el adoitaba informar a Martínez, pero en ocasións tamén o ministro do Interior Jorge Fernández Díaz. Martínez, pola súa banda, segundo dixo, reportaba ante a exvicepresidenta Soraya Sáenz de Santamaría ao estar implicado o CNI na operación. Afirmou que el considerou Kitchen unha "operación de intelixencia" para atopar documentos que "podían comprometer o PP", pero tamén outros que "afectaban altas institucións do Estado".