CRTVG

Buscar

Telexornal Serán FDS

Vilanova dos Infantes lembra na misa dominical o párroco asasinado

Publicado o 15/03/2015 21:12

En Vilanova dos Infantes, os veciños seguen consternados polo asasinato do seu párroco e o roubo da Virxe do Cristal. Unha dor que hoxe volveu quedar patente na misa dos domingos, oficiada nesta ocasión por outro sacerdote.

A misa de hoxe estivo máis ca nunca presidida pola figura de Adolfo Enríquez, o párroco de Vilanova dos Infantes dende hai máis de corenta anos que apareceu asasinado o mércores na casa reitoral. Hoxe don Adolfo estivo na mente dos fregueses e tamén na do relixioso ao que lle tocou a difícil tarefa de substituír o que era amigo dende o seminario.

"Era unha persoa extraordinaria, persoa sorrinte, agradable, servicial, preocupada polos pobres, cariñoso, amante da súa familia, e a súa familia estendíaa a todos os fregueses", sinala o párroco Antonio Gómez.

Aos veciños vailles custar a volta á normalidade. Non se atreven a acusar pero sempre sae a relucir canta xente de fóra se aproveitaba da bondade do cura para lle pedir cartos e aseguran que o luns viron descoñecidos polos arredores da reitoral. Querían a don Adolfo pola súa humanidade e lamentan máis ca nunca que fose tan confiado.

"Como amigo, non como párroco. Como amigo. Era como o noso pai que nos ía dirixindo e por iso estamos tan sentidos. Que Deus lle dea o castigo que mercen a eses señores que o fixeron", confesa un veciño.

"Moita rabia contida porque só o coñeciamos dun día pero demostrounos moito cariño e amizade. Deixou de facer as súas cousas para nos ensinar a igrexa e a Virxe do Cristal e a miña muller estaba pasando un momento moi malo e deulle moito amor", relata outro.

Foron dúas traxedias nunha. Á morte do párroco súmase a desaparición da Virxe do Cristal, unha figura única no mundo polas súas características. A investigación está baixo segredo de sumario pero a garda civil busca pistas en tendas de antigüidades e o arciprestado de Celanova xa presentou denuncia por roubo.

Don Adolfo levábaa sempre con el para protexela e quizais iso lle custou a vida.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí