CRTVG

Buscar

Vilanova de Cerveira pide axuda a Galicia para atender unha residencia desbordada

Publicado o 20/01/2021 13:44
Vilanova de Cerveira pide axuda a Galicia para atender unha residencia desbordada

O Goberno local de Vilanova de Cerveira realizou un chamamento transfronteirizo para solicitar en Galicia a axuda de profesionais e de voluntarios para atender a residencia de maiores Lar María Luisa-Santa Casa da Misericordia, que contabiliza máis de 60 contaxios por covid-19 e catro mortes.

Fontes do Concello de Tomiño, que forma con Vilanova unha Eurocidade, confirman xestións para darlle difusión a esta convocatoria de emprego, fundamentalmente para o servizo de limpeza, e de voluntarios para axudar na alimentación aos residentes.

As fontes do Concello de Tomiño falan dunha situación de "desbordamento absoluto" nesta residencia e confirman que se estableceu contacto coa Xunta e coa oficina do SEPE (Servizo Público de Emprego) en Tui para tratar de solicitar a persoal en Galicia.

O Concello de Vilanova de Cerveira define a da residencia Lar María Luisa como unha situación de "calamidade de saúde pública".

Ademais de en Galicia, búscase persoal de emerxencia na bolsa de voluntarios de Cerveira e no instituto de emprego e formación profesional do Alto Miño.