CRTVG

Buscar

Vilagarcía e Sanxenxo despediron con festa anticipada o 2018

Publicado o 31/12/2018 21:23

Pois en Vilagarcía non lle teñen medo ao frío desta noite, porque xa tomaron as uvas pola mañá. Como vén sendo tradición desde hai 20 anos, adiantaron as badaladas do ano novo ás doce do mediodía.

Cun sol espléndido, difícil de conseguir ás doce da noite, os veciños de Vilagarcía acudiron á chamada do Aninovo anticipado. Día de festa para uns, e de traballo extra para outros.
Da organización encárganse o Concello e os patrocinadores: 350 quilos de uvas e 400 botellas de cava para os maiores, gominolas e iogures para os pequenos e, para os ausentes, retransmisión en streaming.

E, por fin, as badaladas. Este ano houbo que facer catro extras pola clásica confusión cos cuartos.

E tamén en Sanxenxo despediron este 2018 doce horas antes do previsto. Por cuarto ano consecutivo, a praza de Pascual Veiga acolleu centos de persoas para tomar as uvas coas badaladas do reloxo do Concello.

Non faltou a música, o champaña nin tampouco o cotillón. Os máis supersticiosos ata puideron queimar os vellos calendarios para escorrentar os malos augurios e para encherse de novas enerxías.

Fieis á súa cita, os veciños de Sanxenxo tamén anticiparon este mediodía a chegada de 2019.
Con uvas, como manda a tradición, ou con ingredientes máis innovadores, doces ou salgados, o importante este mediodía era celebrar as horas previas ao novo ano.
Porque o sol e as altas temperaturas marcarán este final de ano. Había que aproveitar este tempo solleiro ben nas terrazas ou paseando ao carón do mar.

Un tempo moi agradable para despedir as últimas horas deste 2018 e para recibir un 2019 que xa está aí, pedindo relevo nas páxinas do novo calendario.


 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

31/12/2018