Vigo vai normalizando a tempada de cruceiros coa chegada dun novo buque
Outros turistas que van normalizando a súa presenza en Galicia son os cruceiristas. Hoxe chegou a Vigo un deses grandes buques. Procedente de Inglaterra e con destino a Tenerife volverá dentro de dez días con nova pasaxe.
A presenza do buque de 317 metros de eslora impón nunha estación de transatlánticos orfa durante tantos meses. Cos barcos chegan os turistas e todo o negocio e a actividade que se move arredor deles mesmo en días festivos coma hoxe.
Unha das ofertas que atopan é facer unha ruta en segway desde trinta euros. Ademais de viaxes a outras localidades galegas moitos prefiren coñecer a cidade a pé cos clásicos mapas de papel que lles ofrece unha empresa de comunicación de Vigo.
Polo de agora as cifras de buques e cruceiristas que visitan Vigo son incomparables coas dos anos previos á pandemia, polo tempo parados e polas limitacións na ocupación dos barcos. Con todo, empresas e operadores portuarios salientan a importancia de ir pouco a pouco retomando a normalidade tamén nos peiraos de transatlánticos galego.
Cunha capacidade para 3.000 cruceiristas o Celebrity Silhouett chegou a Vigo procedente de Southampton e recalará en varias illas das Canarias tras pasar por Lisboa. A pasaxe que pasou a xornada en Vigo quedou satisfeita da visita e do clima que atoparon.