CRTVG

Buscar

Vigo pasa finalmente este venres ao nivel medio-baixo de restricións

Publicado o 12/05/2021 16:54

• O Prometheus Leader abandona Vigo

 

A cidade de Vigo baixará finalmente ás 00:00 horas deste venres ao nivel medio-baixo de restricións, segundo informa a consellería de Sanidade tras analizar este mércores o resultado dos cribados realizados nas últimas horas. 

Neste chanzo de restricións pódese ocupar ata o 50 % do espazo interior dos bares e restaurantes e ata o 75 % das terraza. 

Segundo informa o Sergas, os dous últimos cribados realizados na área sanitaria de Vigo tiveron lugar no porto e nos principais mercados da cidade: Teis, Progreso, Calvario e Travesas. 

Neste últimos, participaron un total de 967 persoas e detectouse un positivo. No do Porto de Vigo, dirixido a persoal do sector pesqueiro, participaron 905 persoas das 1.200 citadas (un 75 %) e detectáronse 21 casos positivos, o que representa un 2,3 % sobre o total de participantes.

Ademais, o Servizo Galego de Saúde avanzou que esta semana se están a desenvolver outros cribados. Este mesmo mércores realizouse un no IES Castelao, o xoves farase outro no Centro Comercial Coia 4, o venres no Colexio Alba e o sábado nos dous centros  Carrefour en Vigo (Gran Vía e Travesas).

Desta forma, a partir deste venres os municipios de Cambados, Laza e Padrón pasarán a contar co nivel máximo de restricións, con mobilidade limitada. Pola súa banda, haberá nivel alto de restricións nos municipios de Cangas, A Laracha, Lobios, Oleiros, Ribeira e Vilanova de Arousa.

Oleiros suma 61 contaxios en dúas semanas, 26 deles vencellados ao gromo nun colexio de infantil e primaria. O venres entran en nivel alto de restricións e a hostalería só poderá servir nas terrazas.

Pola contra en Vilanova de Arousa é un alivio abandonar o nivel máximo de restricións e entrar no alto. Pero desde o concello piden prudencia porque aínda teñen a incidencia por riba de 300.

A capital do Barbanza segue en nivel alto. Un terzo dos 62 casos que teñen están vinculados co gromo dos cerqueiros. O alcalde de Ribeira apela á responsabilidade dos veciños no cumprimento das medidas porque non dan baixado a incidencia.

Doutra banda, aplicaranse medidas de nivel medio en Ames, Barbadás, Betanzos, Bueu, Carballeda de Valdeorras, Carral, Cerdedo-Cotobade, Chantada, Cualedro, Cuntis, Fisterra, Fornelos de Montes, Gondomar, Lalín, Marín, Melide, Moaña, Moraña, Noia, Ordes, A Pastoriza, Ponte Caldelas, Salceda de Caselas, Santiso, Silleda, Soutomaior, Toén, Tomiño e Valga.

O resto de concellos da comunidade, incluída a cidade de Vigo, contarán coas medidas correspondentes ao nivel medio-baixo de restricións

O Prometheus Leader abandona Vigo

Por outra banda, o Prometheus Leader, o cargueiro con bandeira de Singapur no que se detectou un gromo da variante india da covid-19, abandona Vigo tras cumprir a corentena imposta por Sanidade Exterior.

Segundo informa a Autoridade Portuaria de Vigo, xa se evacuaron os tres positivos que quedaban a bordo e os cinco restantes atópanse hospitalizados no Vithas Vigo, catro en planta e un na UCI.

O Prometheus Leader chegou ao porto de Vigo procedente de Southampton o pasado 27 de abril. Tras detectarse a bordo un gromo de covid e catro días despois, o Servizo de Microbioloxía do Hospital Álvaro Cunqueiro confirmou a presenza da variante india, concretamente da B1.617  subvariante 2.

O seu buque xemelgo, o Emerald Leader, continúa gardando corentena en augas viguesas tras o descubrimento dun gromo a bordo o pasado venres que, de momento, afecta dez membros da súa tripulación, catro dos cales están hospitalizados.

 





Noticias web

12/05/2021