CRTVG

Buscar

Vigo estrea aplicación pioneira en Europa para compartir taxi

Publicado o 13/07/2021 20:23

A revista YoTaxi e a Central Radio Taxi Vigo son as almas de Compartaxi, a primeira aplicación en Europa que conecta usuarios de taxis oficiais para compartir traxectos. Segundo Manuel Chorén, presidente de Central Radio Taxi Vigo: "É economía colaborativa, nunha palabra, pero para que se entenda mellor, é xuntar a xente de varios barrios de Vigo para facer unhas rutas e que sexa mais rendible, neste caso para o taxista e para o cliente. Un servizo, por exemplo, dende Bouzas ata o Álvaro Cunqueiro, sería de doce euros; se foran catro persoas, sería tres euros por cada persoa".

Compartaxi facilitará a mobilidade sobre todo dos veciños do rural que teñen poucas frecuencias de autobuses e que así non terán que facer transbordos. Compartaxi responde tamén a demanda de moitos mozos que xa usan aplicacións para compartir vehículos mesmo para saír de copas, pero tamén dos maiores, que poderán pagar menos por ir ao médico ou facer trámites lonxe das súas casas en taxis oficiais. A idea ten partidarios e detractores. Os seus creadores afirman que Compartaxi é boa para o peto e para a mobilidade, e xa está camiño de arrancar noutras cidades de España.

Noticias web

13/07/2021