CRTVG

Buscar

Vigo, entre as catro cidades españolas onde é máis caro encher o depósito

Publicado o 24/10/2021 21:02

Encher o depósito, tanto nos coches diésel coma nos de gasolina, custa máis en Vigo ca na media das cidades españolas. Hai diferenzas e matices dependendo da estación de servizo, pero as gasolineiras máis caras están na cidade olívica, a máis poboada de Galicia. Ante isto, os condutores non agochan a súa indignación.

Encher o depósito resulta cada vez máis caro. Nas estacións de servizo de Vigo, segundo a media dos últimos días, o gasóleo custa arredor de 1.43 euros por litro. Ese prezo fai que encher o depósito sexa máis caro na cidade olívica ca no resto de Galicia e que na maior parte de España.

Só a superan no prezo Bilbao e Palma de Mallorca. Encher este sábado un depósito de gasóleo en Vigo duns 55 litros custaba uns 79 euros, este domingo xa custa máis de 80.

Se facemos unha comparativa con hai un ano. Encher un depósito de gasóleo na provincia de Pontevedra é xa 22 euros máis caro que hai doce meses. Encher un de gasolina custa 25 euros máis ca hai un ano.

E non parece que a situación vaia mellorar a curto prazo. A Fundación de Caixas de Aforros prognostica que o IPC podería alcanzar a finais de ano o 5 % e o barril de brent pechaba esta semana superando os 85 dólares.

Noticias web

24/10/2021