Vigo e Pontevedra pasan ao nivel máximo de restricións xunto a outros 53 concellos
• Galicia terá en total 115 municipios pechados perimetralmente, onde os locais de hostalería só poderán servir en terraza

O comité clínico que fai seguimento da evolución da covid-19 en Galicia acordou na súa reunión de hoxe elevar ao nivel máximo as restricións nos concellos de Vigo e Pontevedra e noutros 53 da nosa comunidade autónoma:
- Na área sanitaria da Coruña: Betanzos, A Laracha, Sada, Abegondo, Cabana de Bergantiños, Coristanco, Dumbría, Muxía, Oza-Cesuras, Sobrado e Vilasantar.
- Na área sanitaria de Lugo: Burela, Cervo e O Vicedo.
- Na área sanitaria de Ourense: Celanova, Porqueira, Ribadavia, Trasmiras e Vilar de Santos.
- Na área sanitaria de Pontevedra: A Lama, Catoira, Forcarei, Meis e Moraña.
- Na área sanitaria de Vigo: Gondomar, Mos, Nigrán, O Porriño, Arbo, A Cañiza, As Neves, Crecente, Mondariz e Salceda de Caselas.
- Na área sanitaria de Santiago: Ordes, Teo, A Baña, Negreira, Padrón, Rois, Dodro, Touro, Arzúa e Silleda.
- Na área saniataria de Ferrol: Cariño, Cedeira, Cerdido, Mañón, Moeche, Mugardos, Neda, San Sadurniño e Valdoviño.
Tras sumar estes 55 concellos, Galicia pasará a ter 115 municipios no nivel máximo de restricións. Iso supón un 72 % do total da súa poboación, segundo informou a Consellería de Sanidade, que este martes explicará máis en detalle as novas medidas, incluída a data da súa entrada en vigor.
As máximas restricións supoñen que a hostalería só poida servir en terraza ata as 18:00 horas; se non a teñen, a súa actividade limítase ao servizo a domicilio ata a unha da madrugada.
Estes municipios teñen peches perimetrais individuais, co que ninguén pode entrar nin saír do seu concello excepto por causas xustificadas, como sanitarias, laborais ou coidado de maiores e menores.