Dezaoito trens de media distancia conectarán Vigo e A Coruña a partir do luns

Vigo e A Coruña estarán conectadas por dezaoito trens de media distancia a partir do luns, aínda dous menos dos que circulaban antes da pandemia.
Os novos trens, segundo informa Renfe, sairán a diario desde a estación de Vigo-Urzáiz ás 21:35 horas, e chegarán á estación da Coruña ás 23:07 horas.
En sentido contrario, sairá un tren ás 13:45 horas desde A Coruña que chegará a Vigo-Urzáiz ás 15:14 horas. Este convoi servirá de ligazón en Santiago de Compostela co Alvia que sae de Madrid ás 9:28 horas e chega á estación da Coruña ás 14:40 horas.
Deste xeito, afirma Renfe, darase servizo á clientela con destino a Vilagarcía de Arousa, Pontevedra e Vigo-Urzáiz.
Trens Alvia entre Galicia e Madrid
Este incremento súmase ao dos trens Alvia entre Galicia e Madrid, que pasarán de 56 a 66 a partir do luns, sinala o comunicado.
A operadora ferroviaria volverá poñer en servizo o Alvia con saída de Madrid-Chamartín ás 9:28 horas e con destino á estación da Coruña, tren que circulará todos os días menos os domingos.
En sentido contrario, tamén volverá circular o Alvia con saída da Coruña ás 18:21 horas, aínda que neste caso circulará a diario.
Este tren tamén permite a ligazón en Santiago de Compostela das persoas procedentes de Vigo, Pontevedra e Vilagarcía de Arousa, mediante un tren de Media Distancia procedente de Vigo-Urzáiz, ás 17:30 horas.
Novo servizo diario a partir do 14 de xuño
Ademais, o 14 de xuño Renfe porá en marcha outra conexión diaria adicional, unha por sentido, entre Vigo-Urzáiz e Madrid, co que Galicia recuperará os servizos que operaban entre as dúas comunidades antes da crise sanitaria.
Será o Alvia diario que sae de Madrid-Chamartín ás 16:45 horas e chega a Vigo-Urzáiz ás 21:55 e, en sentido contrario, todos os días menos o domingo, o que sae de Vigo ás 8:55 e chega a Madrid- Chamartín ás 14:05 horas.