CRTVG

Buscar

Satisfacción en Rianxo no inicio da campaña de extracción de vieira

Publicado o 06/03/2019 22:39

Satisfacción entre as embarcacións que hoxe comezaron a campaña de extracción de vieira que a Xunta lle concedeu á confraría de Rianxo. Teñen 8 días para traballar cun tope de 1.000 quilos diarios a repartir entre as 54 embarcacións que se inscribiron. Cren que é un bo incentivo económico nunha época en que outras especies ou oficios non son rendibles.

Son as primeiras vieiras que se descargan no porto de Rianxo. A confraría levaba tempo explorando a posibilidade de extraer vieira na ría de Arousa e poñer fin ao monopolio que ata agora tiña a confraría de Cambados. As embarcacións con permiso levaban máis dun mes sen ir á vieira porque a empresa que a eviscera e comercializa para a confraría de Cambados non tiña saída para máis produto. Agora, en Rianxo conseguiron que outra empresa eviscere e comercialice para eles e a Xunta autorizoulles un plan de explotación dunha semana.

Para a próxima campaña marisqueira, desde a confraría de Rianxo valoran seguir extraendo vieira, xa que hai máis empresas interesadas en comercializar e eviscerar o produto.

A confraría de Rianxo pactou coa empresa comercializadora manter o prezo que pagan en Cambados, que son 5 euros e medio o quilo.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

06/03/2019