CRTVG

Buscar

Foz decretará tres días de loito oficial polo asasinato de Minaene Franco

Publicado o 05/11/2019 11:49

O pleno do Concello de Foz, que se reunirá a partir das 20:30 horas en sesión ordinaria, decretará tres días de loito oficial pola morte de Minaene Franco, a muller de 36 anos que, presuntamente, foi asasinada polo seu fillo, un mozo de 17 anos, que permanece en dependencias da Garda Civil á espera de pasar a disposición da Fiscalía de Menores.

Segundo informou a Efe o alcalde da localidade, Francisco Cajoto, ás 11:30 horas os profesores e alumnos do instituto de Foz, onde a muller falecida cursaba un ciclo de hostalería, protagonizarán unha concentración silenciosa para expresar as súas repulsa por este crime "horrendo e execrable".

Ás 20:00 horas, ante a casa do concello, procederase á lectura dun manifesto de condena de "todo tipo de violencia", acordado por todos os grupos políticos con representación no Concello de Foz, e posteriormente gardaranse tres minutos de silencio. No pleno ordinario, cuxa celebración estaba prevista antes de que se producira este suceso, serán decretados os tres días de loito oficial.

Francisco Cajoto recoñeceu a EFE que os veciños da localidade seguen "conmocionados e consternados" polo sucedido, pero tamén agradecidos polo traballo que está a facer a Garda Civil para esclarecer as circunstancias deste crime. Lembrou que se trata de "algo puntual", un crime que "impacta nunha vila mediana como Foz", pero lembrou que "afortunadamente, sucesos deste tipo non pasan a miúdo". 

 

Noticias web

05/11/2019