A terra tremeu a pasada noite no concello de Muros
As estacións que o Instituto Xeográfico Nacional ten instaladas en Galicia detectaron este tremor contra as cinco da madrugada pasada. O movemento sísmico situouse no interior do concello de Muros, concretamente entre as parroquias de Abelleira e Rebordelo. Foi dunha maganitude de 2,1 graos a uns 12 quilómetros de profundidade. Este tremor prodúcese dous días despois de que as mesmas estacións captaran outro similar no veciño concello de Carnota e quince días despois doutros tremores de 2,4 fronte á costa de Muros e tamén no concello ourensán de Laza. Desde o Instituto Xeográfico Nacional informan que este tipo de movementos sísimicos considéranse normais na codia terrestre. De feito, a magnitude do tremor desta madrugada pasada foi tan escasa que foi practicamente imperceptible para a poboación.