CRTVG

Buscar

Confusión en Alcoa sobre se deben parar a produción

Publicado o 30/03/2020 12:43

Hoxe en Alcoa mantivéronse as quendas de traballo e os horarios establecidos, confiados en que a súa actividade sexa considerada esencial dado que o seu aluminio se emprega en sectores indispensables coma o farmacéutico ou o da alimentación.

O equipo xurídico de Alcoa traballa en clarexar esta situación mentres os traballadores confían en que se permita seguir producindo.

Aseguran dende o comité de empresa que tecnicamente é inviable paralizar as cubas con garantías en menos de dous meses. Parar dun día para outro causaría danos irreparables xa que o metal podería solidificarse nas cubas e o custo de poñelas de novo en funcionamento sería inasumible.

A factoría da multinacional en San Cibrao, que xa arrastra problemas polo prezo da enerxía, ten 2.000 empregados en planta e proporciona moitos postos de traballo en empresas auxiliares da costa lucense.