CRTVG

Buscar

Victoria Abril, nos premios Feroz: "Isto non é covid, é un coronacirco"

Publicado o 25/02/2021 19:36

A actriz Vitoria Abril, Premio Feroz de Honra 2021, puxo hoxe contra as cordas a organización destes galardóns, ao clamar contra as vacinas anticovid e a xestión da pandemia. "Isto non é covid, é un coronacirco", sinalou a actriz, sen máscara e despreocupada por ser tomada como negacionista, nunha conferencia de prensa en Alcobendas (Madrid).

"As vacinas son experimentos sen probar que nos meten rápido e desde que nos vacinan hai máis casos positivos", dixo. O motivo da conferencia de prensa era a concesión do Feroz de Honra por parte da Asociación de Informadores Cinematográficos de España ( AICE) en recoñecemento á súa traxectoria, especialmente activa nos anos 80 e 90 e marcada polo seu traballo con directores como Vicente Aranda ou Pedro Almodóvar.

Pero antes mesmo de empezar, mentres posaba para as cámaras, a covid tomou o protagonismo: "O pelo non o corto ata que me devolvan as liberdades", afirmou lucindo unha longa melena. E engadiu: "O medo impídeche vivir, peor que perder a vida é perder a razón de vivir, xa abonda".

"Se ves a tele e non saes, cres que a xente está a morrer polas rúas, pero a xente está a morrer como cada ano, o ano 2020 non tivo máis mortos que o 19, onde está a pandemia?", preguntouse. "Todo isto é para confinarnos e alienar os nosos dereitos e liberdades fundamentais e converternos en escravos e en cobaias", insistiu, "e para que Amazon gañe en dous meses de epidemia todo o diñeiro que nos deu a UE para pasala".

Os organizadores dos Premios Feroz desmarcáronse destas declaracións de Abril e garantiron o estrito cumprimento do protocolo sanitario na cerimonia de entrega que se celebrará o 2 de marzo no Teatro Coliseum de Madrid.

"Como presidenta dos Premios Feroz, debo deixar claro que non compartimos en absoluto a opinión de Victoria Abril sobre a covid-19; seguimos traballando por uns Feroz 2021 e unha cultura segura", sinalou nun chío a presidenta da AICE, María Guerra. 

Noticias web

25/02/2021