CRTVG

Buscar

Víctor Muñoz (Facua): "Hai desconfianza no mercado eléctrico por desinformación"

Publicado o 28/08/2019 11:26

Víctor Muñoz, presidente de Facua en Galicia, falou este mércores no Bos días sobre a situación do mercado eléctrico, do que dixo que "hai desconfianza por desinformación".

"Hai certas prácticas que xa se prohibiron, como a venda a domicilio, pero segue habendo cousas que non son de todo claras para a poboación", asegura. 

Unha das cuestións que máis dúbidas suscita nos consumidores é o tipo de tarifa. Tantas que desde Facua aseguran que moitos consumidores non saben que tipo de tarifa teñen: "O mercado regulado está fixado polo Goberno, e no libre é o que resulta dun mercado en que os prezos soben e baixan, pero o que ocorre é que como denunciamos desde Facua Galicia iso non ocorre, é ineficiente. Suponse que o prezo regulado é para certas situacións, como a pobreza enerxética. Pero despois pensas en se estás no regulado ou no libre, e maioría da xente non o sabe, nin sabe o que está pagando".

"Estar no mercado libre quere dicir que vas estar no que che ofrece a compañía de quenda, non vai atender a túa situación subxectiva. Nós sostemos que o mercado é ineficiente. O que lles interesa ás compañías eléctricas é estar no mercado libre, no que nós denunciamos que a maioría das ofertas que che fan ao final son ofertas trampa", asegura Víctor Muñoz.

"Cremos que o que hai que facer unha regulación que diferencie entre consumidor final privado e consumidor industrial para clarificar o mercado é saber cando podo estar nun ou noutro e me poida interesar".

Nos últimos tempos están proliferando novas comercializadoras, pero aclaran desde Facua que as hai de distintos tipos: "Se o que falamos é das cooperativas independentes, o que están intentando é democratizar o cosumo da enerxía. O que piden é certos estándares, como que a enerxía que consumo sexa verde, que sexa reciclable, que non tire do planeta. Proliferan porque un grupo de xente se une para crear unha comercializadora. E como parte desa empresa podemos esixirlle e poder conseguir, por unha parte, unha rebaixa no prezo e, por outro, que a enerxía sexa sostible".

Ao mesmo tempo, hai outras novas, de carácter privado que xurdiron, segundo Víctor Muñoz, porque "o mercado eléctrico é apetecible, poden gañar moitos cartos, por iso aparecen comercializadoras novas".

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí