Viaxar de Lugo a Madrid en transporte público esixe polo menos sete horas
Publicado o 08/10/2019 14:46
Apenas hai movemento na estación de tren de Lugo. Case ninguén aposta por este medio de transporte, dado que hai poucas frecuencias e con traxectos moi longos. É o caso da conexión coa meseta. Como mínimo chegar a Madrid leva case sete horas.
Esta situación lastra tamén a actividade económica. Os empresarios que acoden con frecuencia a Madrid optan por levar o coche, co que chegan en menos de cinco horas, e moitos fan combinacións. Os que apostan polo tren cólleno en León e chegan a destino en só catro horas.
Outra alternativa, moi usada polos estudantes, é o autobús. O traxecto tamén é longo pero, aínda así, tamén se aforra unha hora con respecto á viaxe en tren.