Veterinarios coruñeses advirten do aumento de casos de filariase parasitaria en cans
A filariase parasitaria, que afecta en especial os cans, é unha enfermidade característica dos climas cálidos. Ata hai uns anos era moi raro a aparición de casos en Galicia. Os veterinarios da área coruñesa cren que o aumento progresivo das temperaturas e o clima húmido de Galicia son un bo caldo de cultivo para que o número de casos se estea multiplicando.
"Cada vez hai máis casos en Galicia, que era unha zona onde antes non había casos, e é algo que se vai vendo desde hai uns anos. Cada vez os casos de filariase en Galicia aumentan", afirma Paloma González de Ramos.
Os cans contraen a filariase pola picadura dun mosquito que transmite o parásito ao corpo do animal. Ataca aos órganos e pode ser moi grave senon se detecta a tempo.
"É moi grave. Inicalmente as larvas do parasito vanse metendo entre os tecidos ata que chegan á arteria pulmonar. Aí é onde empeza a sintomatoloxía, o can ten tose, ten dificultade para respirar, ten intolerancia ao exercicio... e de aí van ao corazón, ao ventrículo dereito, aí é cando son larvas adultas, e aí xa temos problemas moi graves", sinala Paloma González de Ramos.
Potencialmente, é posible que a filariase afecte os humanos, aínda que os casos son rarísimos.