Vestas rexeita axudas para un plan industrial e só deixa marxe para unha venda contra o reloxo antes do ere
EP
Vestas rexeitou este mércores as axudas económicas ofrecidas polas administracións galega e estatal para impulsar un plan de reindustrialización da planta de Viveiro que prevé pechar. Así, só se abre a unha venda que deberá facerse contra o reloxo ao expirar o 28 de outubro o período de negociación do ere extintivo para 115 traballadores.
Despois de que na mesa industrial da pasada semana os traballadores e a Xunta valorasen como "moi positivo" o encontro en busca dunha alternativa para a fábrica, as sensacións cambiaron por completo tras a reunión deste mércores celebrada en Santiago (con representantes de traballadores, administracións e empresa).
En declaracións aos medios logo de máis de dúas horas de reunión, o presidente do comité de empresa de Vestas, David Mariño, afirmou que "a empresa non está disposta a achegar ningún plan industrial para o mantemento dos postos de traballo", algo que "deixou aclarado de maneira supostamente definitiva" este mércores.
Ante a Escola Galega de Administración Pública (EGAP), desde as 13,30 horas concentráronse os traballadores, nun lugar no que fixeron soar as súas bucinas e lanzaron petardos, á vez que realizaban cánticos como: "Vestas, solución". Sobre as 15:45 horas, Mariño explicou a viva voz nas escaleiras do edificio da EGAP como foi a reunión e clamou contra Vestas por "dinamitar" a mesa industrial, á vez que avisou de que van seguir "dando guerra".
Pola súa banda, a conselleria de Emprego, María Jesús Lorenzana, explicou que as axudas económicas ofrecidas pola Xunta e o Goberno central pasan por dúas vías: préstamos (con carencia e xuros moi baixos) ou axudas públicas a fondo perdido. Todo iso para unha reconversión industrial da factoría que Vestas declina. E é que a multinacional danesa "rexeita por completo as axudas ou préstamos porque non ten ningunha intención de levar a cabo un plan de reindustrialización na factoría", apunta a conselleira.
Xunto a isto, ofreceuse por parte da Xunta levar a cabo "unha procura activa de eventuais compradores que queiran adquirir a factoría". "Nese sentido, necesitamos a colaboración da empresa, necesitamos que a empresa nos dea determinados datos da súa produción para elaborar un dossier comercial co que traballar para estes compradores", relata Lorenzana. Unha cuestión sobre a cal "a empresa se mostrou proactiva" para colaborar.
A Xunta asegura que vai traballar "todo o rápido posible" na procura dun comprador, "pero hai que ter en conta que os prazos do despedimento colectivo son moi axustados, porque o 28 deste mes de outubro termina o prazo de tramitación", lembra a conselleira.
Volverase a convocar de novo á mesa industrial antes de que termine o prazo de negociación do ere. "Pero non garantimos nunha semana e pico de tempo que podamos atopar comprador para a factoría", razoa a responsable de Emprego. Nesta liña, Mariño remarca que a empresa "si está disposta a unha posible venda", pero "todo demasiado xenérico". "En resumo, a empresa non quere participar desta mesa de maneira proactiva", censura.
Paralelamente, o presidente do comité cargou contra a compañía por só ofrecer como alternativa recolocar a 10 empregados como máximo dos 115 afectados polo ere. A este respecto, a conselleira indica que a compañía "ofrece soamente, no seo da mesa laboral, un plan exclusivamente de certa actividade de mantemento de formación e de servizos na factoría". De tal modo, os representantes dos traballadores están dispostos a un plan industrial "con ou sen Vestas".
Representantes de traballadores e Vestas reuniranse de novo este xoves, 14 de outubro, a partir das 9:00 horas nun hotel de Viveiro nun novo encontro no marco do proceso de consultas.