Vestas anuncia o cesamento da produción na súa fábrica de Viveiro a finais de ano

EFE
A multinacional Vestas, dedicada á fabricación e instalación de aeroxeradores, anunciou este luns diferentes medidas para axustar a súa capacidade de produción en Alemaña, España e Dinamarca, entre as que se atopa a previsión de cesar a produción nas súas fábricas de Lauchhammer (Alemaña), Viveiro e Esbjerg (Dinamarca).
A fábrica de Vestas en Viveiro, que emprega unhas 115 persoas, fabrica "xeradores para a plataforma terrestre de 2 MW, así como paneis de control da turbina mariña V164 para mercados situados fóra de España", explica a multinacional nun comunicado.
“Debido tanto á diminución da demanda da plataforma de 2 MW como á necesidade de optimizar a fabricación de compoñentes para eólica mariña, xa non é sostible continuar coa produción en Viveiro", precisa a empresa.
Por iso, "conforme aos plans actuais, Vestas prevé cesar a produción nesta planta a finais de 2021", aínda que "ofrecerá recolocacións aos operarios que actualmente traballan en Viveiro noutros centros" de traballo da multinacional "no país".
Ademais, anuncia que, "para mitigar os efectos" desa decisión, a empresa anuncia que "traballará man a man co Goberno rexional e nacional, así como os axentes sociais".
Nese sentido, Vestas informa de que, conforme ás respectivas lexislacións nacionais, iniciará "as negociacións cos representantes dos traballadores de cada un dos comités de empresa das fábricas afectadas".
"Quero subliñar o noso compromiso para estudar todas as opcións de recolocación dos compañeiros que desafortunadamente se verán afectados polo cesamento da produción nas nosas plantas de Lauchhammer, Viveiro e Esbjerg", afirma o vicepresidente executivo da compañía, Tommy Rahbek Nielsen, nun comunicado.
Lembra, así mesmo, que "España segue sendo un mercado crave para Vestas, con máis de 4,8 GW de turbinas instaladas, 6 GW en mantemento e máis de 2.200 empregados, a data de agosto de 2021, incluíndo a fábrica de pas en Daimiel, as operacións de mantemento e a sede da rexión mediterránea de Vestas en Madrid".