Verzas xigantes nunha vivenda de Sarria
"Algúns paran e sácanlles fotos e se estamos por aquí fóra preguntan, pero señores, vostedes que lles fan ás verzas", sinala Loli Pérez, a dona das verzas.
Loli relata como a diario atende ás preguntas curiosas de veciños e visitantes. Todos quedan abraiados coas verzas xigantes que teñen ás portas da súa vivenda de Betote, en Sarria. Teñen sete pero a que leva a dianteira é esta, ten dous anos e pasa xa dos catro metros.
"Eu creo que ten catro metros ou catro e pouco, por aí andará. Agora xa subindo á escaleira teño que pedir axuda, xa non chego", di Manolo Teijeiro, o dono das verzas.
Manolo di que non sabe porqué se dan tan ben. El e Loli non acaban de poñerse de acordo en onde está o segredo das verzas xigantes.
"Eu coa música que poño para min todos os días é a causa de que as coles medren para arriba". "Será que lles boto a bendición cando as planto, que eu son moi relixioso, e será iso porque a terra moi boa non é e fertilizante ten pouco". Din os donos.
Sinalan que xa tiveran outra de seis anos e que acadara os 5 metros e que estas non pensan sacalas, quedarán aquí ata ver a onde chegan.