CRTVG

Buscar

Verónica Martínez: "Hai ocasións nas que se non se senta alguén coas partes, rompe e perden a confianza"

Publicado o 19/08/2019 10:26

Verónica Martínez, presidenta do Consello Galego de Relacións Laborais, estivo este luns no plató do Bos Días para falar do traballo deste organismo "que existe desde hai 30 anos, pero si que é verdade -dixo durante a entrevista- que está integrado polas organizacións sindicais e a patronal, e os nosos efectos chegan a toda a poboación que traballa en Galicia, pero si que é verdade que a xestión máis directa é con estas organizacións". "En global somos un ámbito para o diálogo constante entre as organización sindicais e a patronal, o que ten un efecto de prevención do conflito", asegurou.

Sobre as funcións do Consello, Verónica Martínez, explicou que "temos catro principais: somos o máximo organismo da Xunta consultivo no eido sociolaboral, o que quere decir que calquera norma no ámbito laboral vai a un comite do Consello para que emita un dictame; temos a finalidade de fomentar o debate no sector laboral; temos a negociación colectiva no sentido máis amplo da palabra pero sobre todo convenios colectivos sectoriais ou de empresa; e en cuarto lugar, traballamos na solución de conflitos, que é no que somos máis coñecidos, xestionando un sistema de mediación e arbitraxe".

A ese traballo adica grandes esforzos o Consello, segundo a súa presidenta. "En realidade, o conflito non se identifica só coa folga, despedimentos ou o peche patronal, o conflito é un desacordo, un bloqueo nas negociacións entre partes, o que require que un grupo de terceiras persoas poden axudar facilitando canles de diálogo", afirmou.  "As veces chegan en momentos previo. As partes acoden porque xa están afeitos a usar esta vía para solucionar os seus conflitos. Pero noutras ocasións chegan nun momento en que xa se non se senta alguén con esas partes a cousa rompe e é máis difícil recuperar a confianza".

En canto ás fórmulas para solucionar eses conflitos explicou que "hai un procedemento que é de mediación, que parte dun acordo entre as partes; e hai outro que é a arbitraxe e as partes poñen a súa confianza nesa solución previamente, o que quere dicir que ese laudo ten a mesma forza que unha sentenza xudicial e é de obrigado cumprimento".

Antes de presidir o Consello Galego de Relacións Laborais, Verónica Martínez era inspectora de traballo. Ante os últimos datos que falan case 1.500 traballos en negro descubertos no primeiro semestre do ano dixo: "Ogallá houbese menos emprego non declarado, e realmente creo que aínda hai máis que os que se descobren".

Por último, Verónica Martínez falou da igualdade no sector laboral a nivel das empresas: "Os plans de igualdade o problema que teñen a súa aplicación práctica. Porque hai empresas que os teñen pero se despois non se revisan e se ve se hai resultados positivos de cara a igualdade efectiva, ter un documento que sexa un plan de igualdade non vai servirnos de nada", concluíu.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí