Verín, con só cinco casos activos, pendente do que decida o comité clínico
En Verín están moi pendentes do que decida hoxe o comité clínico. A vila rexistrou o pico máis alto de contaxios desta segunda onda da pandemia o pasado 27 de outubro, con 92 casos activos, e a día de hoxe son cinco.
Os veciños agardan con bastante expectación e con optimismo o resultado da reunión do comité clínico desta tarde, en previsión de que, tal e como anunciaba onte o conselleiro de Sanidade, exista a posibilidade de que se poidan levantar algunhas das medidas vixentes na localidade, como o peche da hostalería ou as restricións de mobilidade.
Unhas restricións que comezaron na vila o 8 de outubro coas xuntanzas de non conviventes, despois chegou o peche perimetral e o da hostalería.
O peche da hostalería foi voluntario en Verín dende o 13 de outubro e forzoso a partir do 7 de novembro.
Con menos de dez positivos nos últimos catorce días, Verín afronta unha curva descendente no número de contaxios dende o pasado 27 de outubro.
Así, o comité clínico terá que confirmar a boa evolución dos datos epidemiolóxicos no concello de Verín.