CRTVG

Buscar

Venecia anegada pola peor 'aqua alta' desde 1966

Publicado o 13/11/2019 15:36

Os venecianos están afeitos a que a aqua alta altere as súas vidas de tanto en tanto, pero non a que acade os niveis da noite pasada.

Un veciño de Venecia di: "É moi excepcional o desta noite; é unha cousa que ninguén agardaba".

Tal como di este veciño da parte máis baixa da cidade, non se agardaba que chegara a tanto. A previsión oficial era que a auga tería un pico máximo dun metro e 60 centímetros arredor da media noite, e resultou que esa cota se superou xa horas antes por culpa do forte vento que azoutou o lagoa. O temporal fixo subir a marea ata os 187 centímetros, a peor inundación desde 1966.

Ademais, rompeu amarres nos peiraios e obrigou a suspender o transporte dos vaporetos. Negocios, vivendas e o rico patrimonio de Venecia sufriron a agresión da auga salgada. Témese especialmente polos mármores e os mosaicos bizantinos da catedral de San Marcos, que acababan de ser restaurados.

As previsións apuntan a que estas grandes mareas continuarán toda a semana. Para esta noite prevén un pico de case metro e medio, así que as zonas máis turísticas da cidade seguirán pechadas e quizais volverá haber quen lle saque partido a esta situación, como esta noite dándose un baño na excepcional piscina da praza de San Marcos.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

13/11/2019