CRTVG

Buscar

Véndese unha vaca de 1.100 quilos por 5.000 euros no mercado de Amio

Publicado o 19/06/2019 14:50

Esta mañá vendeuse no mercado de Amio de Santiago unha vaca de máis dunha tonelada de peso. Un restaurante da Fonsagrada pagou 5.000 euros polo animal.

En Amio houbo poucos ollos que non reparasen nela. A vaca veu da Fonsagrada, onde o animal xa tiña fama entre os veciños.

Benxamín Fernández: "Onte soubo ese rapaz de que viña a vaca á feira... e axustamos o prezo: 5.000 euros".

Ovidio Ángel Méndez, restaurante Catro Ventos, da Fonsagrada: "A negociación foi moi dura, si... Aínda que nos coñezamos desde hai tempo e sexamos amigos, custou chegar a un acordo. Ao final, un apertón de mans selou todo".

Antes, houbo máis pretendentes. Dúas ofertas que non chegaron aos 5.000 euros.

Benxamín Fernández: "Aquí hai moito quen compre. Alí véndese mal. E tróuxena aquí porque aquí hai moitos tratantes. E puiden vendela a outros, eh?".

Benxamín ten unha explotación de 200 cabezas. Á feira veu con outra vaca de máis de 800 quilos que mesmo parece pequena ao lado da outra.

Ovidio Ángel Méndez, restaurante Catro Ventos, da Fonsagrada: "Falamos dun animal de máis de 1.000 quilos que terá uns lombos de cento e pico quilos. Sei do bo facer deste home como gandeiro e agardo que a saiban tratar na grella".

Xenética, bo trato e a alimentación foron as claves do crecemento do animal. Calcúlase que a maduración da carne será de dous meses, dependendo da cantidade de graxa que teñan os lombos. A vaca ten once anos e un dato a ter en conta...

Ovidio Ángel Méndez, Restaurante Catro Ventos, da Fonsagrada: "...Que leva tres anos sen parir. É algo importante desde o punto de vista cárnico, porque non sufriu desgaste. Leva un ano cebando con fariña de millo e concentrado. Eu vin o sitio en que estaba, unha cama preciosa... Estaba nunhas condicións óptimas".

No mercado de Amio expuxéronse esta mañá 2.200 animais, dos cales 156 foron vacún maior para matadoiro. Entre elas, os 1.100 quilos da vaca de Benxamín.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

19/06/2019