CRTVG

Buscar

Vendedores de Caranza reclaman a apertura do novo mercado

Publicado o 16/09/2020 14:10

Indignados e enfadados. Así din estar os seis vendedores que quedan neste mercado ferrolán de Caranza.

"Estamos moi enfadados. Trouxéronnos para aquí de xeito provisional e aquí seguimos...", explica Carlos Basoa, o presidente do mercado.

 "Eu levo vendendo aquí máis de 35 anos e agora dinme que non teño ningún dereito", engade unha vendedora.

Contan que as obras do novo mercado remataron hai medio ano e que hai tempo xa adquiriron expositores e cámaras para os novos postos que agora se van adxudicar en concurso público.

"Non entendemos nada. Despois de estar aquí case 40 anos pagando relixiosamente, agora que nos digan que non temos nada aquí é incríble e subrealista", comenta unha vendedora.

Entrementres, lamentan a perda de clientela.

"A xente maior non pode vir. O ascensor non funciona e eles non poden subir todas as escaleiras", lamenta un vendedor.

Así as cousas, din que non van quedar cos brazos cruzados.

"Pensamos en facer mobilizacións cos clientes", engade Basoa.

Desde o Goberno municipal explican que, actualmente, os vendedores están nunha especie de interinidade xa que a concesión venceu hai 22 anos. Engaden que o traslado aos novos postos esixe a regulación da concesión e que a súa asignación se fará conforme á lei.

Noticias web

16/09/2020