CRTVG

Buscar

Veciños do barrrio coruñés da Peixería quéixanse do balbordo que provoca o botellón

Publicado o 13/08/2019 11:37

Os veciños do barrio da Peixería na Coruña quéixanse do continuo balbordo que sofren e que non os deixa durmir. Xente bebendo na rúa, locais que pechan despois do seu horario e o tráfico nesa zona onde non debería habelo non os deixa descansar. Mesmo denuncian que apareceron feces e ouriños nas portas das casas. Unha morea de problemas, din, que se ven aumentados en agosto durante as festas.

 Isto é que o que teñen que soportar polas noites de xoves a domingo os veciños do barrio da Peixería na Coruña. En agosto durante as Festas de María Pita, din, que non só teñen ruído de noite, tamén de día hai concertos e rebumbio.


Consuelo Rodríguez, secretaria da Asociación de veciños Ensenada do Orzán :"Xoves, venres e sábados é un inferno. Canto mellor tempo vai menos dormes, entón houbo noites de acabar a festa ás catro da mañá e como che dicía ás sete e media ou así, comezan os vehículos de limpeza do Concello, cun ruído infernal, porque ademais son eléctricos e fan moitísimo ruído, van repasar zonas e ás sete e media estás de pé outra vez. Entón dáse a circunstancia de que deben ter a orde de que a zona estea moi limpa porque ás catro ou catro e media do serán tamén temos vídeos dos automóbiles da limpeza que tampoco che deixar durmir a sesta. Non podes durmir nin de noite ni de día."

Aseguran que teñen preto de dúas mil sinaturas que van presentar ao Concello en protesta polo que consideran unha falta de cumprimento das normativas municipais. Din que esta zona de especial protección, cada día está máis estragada, malia estar en pleno centro da cidade.

Consuelo Rodríguez, secretaria da Asociación de veciños Ensenada do Orzán :" Isto non é un enfrontamento entre locais e veciños, nin entre xente e veciños. Todo o mundo ten dereito a desfrutar e explotar o seu negocio e todos podemos convivir, estamos encantados, encántannos os locais da zona, pero teñen que respectar o sono nocturno. Aquí hai xente que traballa, que se ergue, eu érgome ás seis da mañá. E os venres cústame moito erguerme porque os xoves houbo botellón na rúa Vista. E senón haberá xente que estea traballando que non lle coincidan as vacacións, xente que ten persoas doentes, maiores, bebés e que non poden durmir."

Din que devagar a xente está a marchar da veciñanza. Os que teñen alugado cambian a outro barrio, os donos venden e outros marchan as fins de semana a casas de parentes. Todo para evitar o balbordo e as incomodidades dunha zona onde ás dez e media da mañá aínda se poden ver escenas coma esta.

Noticias web

13/08/2019