CRTVG

Buscar

Veciños e comerciantes do centro de Pontevedra están fartos dos cortes de luz

Publicado o 03/09/2019 14:09

Os problemas coa subministración da luz estanse a converter xa en habituais, segundo aseguran, en varias rúas do centro de Pontevedra. Os veciños lamentan varios episodios de cortes este mes, o último a causa dun transformador situado na rúa Lepanto, e que trae en pé de guerra os habitantes do edificio en que está situado.

Manuel Torres, vicepresidente da comunidade: "Xa nos deu varios sustos, o último foi o domingo, e non estamos tranquilos porque non ten as normas de seguridade que ten que ter e se hai un incendio quéimase o edificio. O domingo houbo unha explosión ahí dentro, o susto foi bo".

Finalmente, os técnicos traballaron no lugar durante catro horas e o servizo foi restablecido. Os habitantes das rúas afectadas recalcan que os cortes de luz coinciden coas horas centrais do día, véndose afectada tanto a actividade dos veciños como a dos múltiples comercios situados nelas.

"Nós temos que pesar a ollo, porque ao faltarnos a luz fáltanos todo. O que non tiña nada preparado tivo que comer bocadillos porque foi á hora do mediodía. Tamén houbo quen tivo que recoller os fillos en actividades escolares porque non había luz".

Dende o Concello pontevedrés aseguran que xa lles enviaron un escrito pedindo explicacións á empresa encargada da subministración eléctrica e á Xunta, pero aínda non tiveron resposta.

Pola súa banda, Naturgy, en declaracións á Televisión de Galicia, falou de dúas incidencias puntuais e asegurou que foron trasladadas ao Concello.

Dende a veciñanza tamén se están creando asociacións de afectados para establecer reclamacións.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

03/09/2019