CRTVG

Buscar

Veciños dunha urbanización de Ferrol reclaman solucións á inseguridade e ausencia de servizos

Publicado o 03/12/2019 14:46

A esta urbanización de Ferrol chamáronlle Cidade Xardín, pero algunhas das súas parcelas parecen máis unha selva. Hai un cento de chalés dos cales máis da metade están habitados. Pero outros desvalixáronos e están invadidos pola maleza. Son os testantes os que teñen que rozar as malas herbas, porque hai risco de incendio e mesmo tiveron que tapialos para evitar ocupacións. "Estamos preto dun sitio onde se vende droga e aproveitan para vir aquí. Agora non temos ningún vivindo aquí, pero houbo okupas e para a seguridade da xente é un problema", di  Roberto Calvo, presidente da comunidade de propietarios da urbanización.

Os primeiros veciños chegaron aquí hai once anos, pero a empresa construtora crebou e parte das casas quedaron sen vender. As habitadas aínda non teñen licenza de primeira ocupación, co prexuízo que supón para acceder a determinados servizos. "Preocúpanos o tema da auga. Temos un contador de auga para as 67 vivendas, para todas as vivendas, a nome da comunidade. E non podemos darnos de alta porque non existimos como urbanización, a pesar de estarmos empadroados e recibir puntualmente a propaganda electoral".

A comunidade de veciños está pendente dunha reunión co Concello na que esperan obter uns prazos definitivos para solventar estes problemas.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

03/12/2019