CRTVG

Buscar

Veciños dunha parroquia de Santiago conviven co cheiro do vertedoiro de Miramontes

Publicado o 19/03/2019 15:47

Veciños das parroquias de San Xoán de Fecha e Grixoa, en Santiago de Compostela, conviven a diario co cheiro que desprenden o vertedoiro e a planta de elaboración de tecnosolos situados na canteira de Miramontes. O seu temor polo dano á saúde e polo dano ambiental das verteduras foi recollido pola fiscalía, que presentou dúas denuncias contra as xestoras de ambas empresas. Agora esperan que se tomen medidas urxentes para paralizar a actividade.

O vertedoiro e a planta de elaboración de tecnosolos situadas na canteira de Miramontes, no concello de Santiago, afecta desde hai case 5 anos a vida cotiá e a saude dos veciños das parroquias de San Xoán de Fecha e Grixoa, entre outras, en que aseguran os veciños que o cheiro é insoportable.

Ademais do cheiro, os veciños están preocupados polo dano ambiental que poden producir os líquidos procedentes dos residuos almancenados. Danos aos que se suma o constante paso de camións cargados de residuos por unha zona pola que teñen prohibida a circulación.

Tras as denuncias presentadas pola Plataforma de afectados polo vertedoiro de Miramontes, a Fiscalia de Medio Ambiente presentou dúas querelas no xulgado contra Sertega Servicios Medioambientais, xestora do vertedoiro e Tecnosolos Galaicos por suposto delito ambiental. Unha decisión que desde a plataforma acollen positivamente.

Tras a denuncia da fiscalía, fan un chamamento urxente as administracións para que tomen medidas inmediatas.







 

Noticias web

19/03/2019