CRTVG

Buscar

Veciños dunha céntrica rúa de Santiago quéixanse do ruído e do botellón

Publicado o 10/01/2019 14:06

De día parece unha rúa tranquila. Pero todo cambia pola noite, especialmente de mércores a domingo, cando a movida nocturna non os deixa descansar. Os veciños dun tramo da rúa Alfredo Brañas, en Santiago, quéixanse do barullo e a inseguridade que lles provoca o botellón que xorde arredor dunha discorteca da zona.

Xa non poden máis, pero non queren facer declaracións diante das cámaras por medo a represalias. Aseguran que o ruído é insoportable desde hai tempo. Unha situación que se repite a altas horas da madrugada e que lles impide descansar, a pesar de que a maioría mesmo ten ventás herméticas.

E a iso súmase a inseguridade que, din, senten moitas noites. Nos portais dalgún edificio desta rúa xa sufriron actos vandálicos, como rotura de cristais ou baleirado de extintores. Varias comunidades de propietarios xa se uniron para presentar denuncias no Concello e amósanse dispostos a non parar ata recuperar a tranquilidade. Pídenlles ás autoridades locais que poñan os medios necesarios e que actúen para disuadir os que fan barullo na rúa a altas horas da madrugada.

Noticias web

10/01/2019