CRTVG

Buscar

Denuncian a perigosidade duns piñeiros de grandes dimensións nunha aldea de Monforte

Publicado o 26/03/2019 14:06

Estes piñeiros levan anos preocupando os residentes nestas vivendas de Moreda, en Monforte. As árbores encóntranse xusto enriba das casas, xa que foron plantadas nun terraplén situado á beira mesmo. Os veciños afectados temen, polo tanto, que chegue a haber unha desgraza en caso de incendio ou de temporal, polo que xa lle reclamaron ao dono do piñeiral que proceda á súa corta.

"O problema é se vén aire ou lume. Ata temos medo mesmo de noite, cando vén aire forte. Temos medo se nos pillan dentro os piñeiros se caen enriba. Desfán as casas e desfán todo. Estamos á espera de que os corten e non os dan cortado. Levamos así anos. Esperamos a ver se os cortaban e a ver se o fan agora, que xa son grandes. Que lles van esperar máis?".

"A min non me estorban os piñeiros, pero é comprensible que estando aí, afunda unha casa se lle cae un piñeiro. Debían cortalos. É lóxico. Iso cábelle na cabeza a calquera, penso. Eu lévome ben con eles, tanto con uns coma con outros, e a min non me estorban, pero hai que ser un pouco amigo de todos".

As primeiras denuncias por parte dos afectados datan de 2016. Como consecuencia das queixas, o Concello de Monforte requiriulle ao dono dos piñeiros que solucionase o problema, pero a día de hoxe as árbores seguen na mesma situación.

"O dono non os quere cortar. Estamos esperando que os corte e non os corta. Agora esperamos tamén a ver que fai o Concello. Levamos así tres anos, tendo medo por se caen nas casas os piñeiros".

"Que os corte dunha vez, porque xa está ben. É que é un perigo. Vén un temporal, cae un piñeiro enriba da casa ou mata a calquera e despois o problema de quen é? Do que queda debaixo do piñeiro, claro".

Segundo sinalan os veciños de Moreda, o terreo sobre o que se asentan os piñeiros é moi rochoso. Isto fai que as raíces teñan pouca suxeición, o que agrava aínda máis a preocupación dos afectados.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

26/03/2019