CRTVG

Buscar

Veciños do Pereiro de Aguiar protestan por un cruzamento que cualifican de "criminal"

Publicado o 15/12/2020 13:25

A estrada de acceso ás localidades de Ouriz e Cimadevila, no Pereiro de Aguiar, é unha curva pechada, con pendente e sen visibilidade por mor da maleza. Un perigo, sobre todo, para incorporarse á antiga nacional 120 porque non se ve se vén alguén pola esquerda.

Os espellos que lles instalaron aos veciños na curva tampouco solucionan o problema porque se abafan con facilidade. Xa se produciron accidentes e hai medo entre os condutores, cunha idade media que roza os 70 anos.

"Ao saír cara a Ourense, que é onde ía traballar, veume un de Ourense que me espetou. Tiven a sorte de que non me mandou polo desnivel grande que hai, pero levei un golpe que me chegou e o coche non serviu para nada", coméntanos un veciño.

Propoñen que se derrube o noiro que tapa a estrada ou que habiliten unha saída alternativa.

Alberto Rivero, da asociación de veciños de Melias, conta que o que lle piden a Fomento é que se quite o noiro da esquera para ter visibilidade cara á ponte.

Contan co apoio do Concello, que lle solicita ao Ministerio de Fomento a transferencia da vía pero en bo estado, unha vez que se realicen obras de mellora.

Noticias web

15/12/2020