Veciños do Freixo, en Vigo, piden que se repare un buraco de case 2 metros de profundidade

Os veciños do Freixeiro, en Vigo, levan dous anos preocupados por un buraco de case dous metros de fondo nunha zona verde coñecida como o recinto da fonte, que se formou de maneira natural a carón do río Lagares.
Pedíronlle ao Concello que o reparara canto antes pero de momento non houbo resposta. Temen que calquera, mesmo un cativo, poida caer e mancarse.
O buraco está localizado nesta zona verde próxima a Castrelos e pasa desapercibido. Pero cando nos achegamos apréciase a súa profundidade. Son case dous metros de caída e segundo os seus veciños supón un risco para todas as persoas que transitan esta zona coñecida como recinto da fonte.
Apareceu hai dous anos e dende entón estes veciños aseguran que co paso do tempo é máis profundo. A entidade veciñal xa lle solicitou por escrito ao Concello que o tapen pero segue aberto.
Tamén nun monte de Poio a Policía Local busca o dono dunha parcela para que tape ou elimine estoutro buraco perigoso. O mesmo ten tres metros de profundidade e un ancho de 60 centímetros. Está próximo a vivendas e xa foi sinalizado. O Concello non desbota tomar medidas de precaución en caso de non atopar o seu propietario.