CRTVG

Buscar

Veciños do barrio padronés da Trabanca denuncian a alta velocidade dos vehículos que pasan pola zona

Publicado o 30/04/2021 16:42

O problema vén de vello: circulación intensa nos dous sentidos nunha vía estreita, sen apenas beirarrúa nalgúns puntos e unha velocidade extrema para esas circunstancias.

"Pasan a unha velocidade, que agárrate. Nalgúns momentos, tanto dá que sexa de día ou de noite, calquera hora".

"E ás veces queres botar o pé e tes que parar por culpa de que non podes saír".

Aseguran que nunca se produciu un incidente grave pero si sustos cos cativos ou altercados entre condutores.

"De momento, non. Pero eu cando tiña os netos pequenos, unha vez un coche pasou por aquí e un saltou enriba do capó".

"Houbo choques... Ou mesmo no estreito, parar dous coches para ver quen ten preferencia, baixarse: non, que estaba eu antes, non, que cheguei eu...".

"Saen ás veces por aquí moito coche e tal... E claro, ás veces vés un pouco despistado... Pero nunca pasou nada".

O problema esténdese por todo o barrio, pero parece complicarse na zona máis estreita e en curva, onde parte das casas apenas teñen beirarrúa que as separe da calzada. Dende a veciñanza, cansos da situación, propoñen diferentes solucións.

"Para min a opción boa que tiñan que poñer era un radar".

"Non sei. O Concello di que ten poucos efectivos para estar vixiando os coches que baixan e que soben, porque realmente si que hai poucos municipais pero, oe, hai outros medios que si que poderían vir a mirar e comprobar un pouco. Polo menos meterlle un pouco de susto para que baixen un pouco a velocidade".

Dende a Policía Local aseguran que xa está adxudicada a renovación desa vía, que suporá melloras tanto no firme e nas beirarrúas, como na iluminación, aínda que non saben concretar o prazo de execución.