CRTVG

Buscar

Veciños do barrio lugués da Ponte pagan recibos de ata 800 euros polos empalmes ilegais da luz

Publicado o 15/03/2021 13:17

Os empalmes ilegais están a dispararlles a factura da luz a varios veciños do barrio lugués da Ponte. Segundo denuncian os afectados, os que lles rouban a corrente eléctrica ocupan vivendas tamén de maneira ilegal. Déronse de conta do que estaba suceder cando comezaron a chegarlles recibos de ata 800 euros.

"Nun edificio, unha persoa pagou 600 euros, e este mes tamén unha burrada. A min tamén me pasou, e vivo soa. Paguei máis de 180 euros, cando practicamente non estou na casa". "Eu sei o caso do meu primo, o da miña parella e mais o dunha veciña, que tamén lle pasou o mesmo. Tamén lle engancharon a luz e veulle un recibo duns 400 euros", comentan varios residentes na zona.

Moitos dos afectados viven dunha pensión, nalgún caso mínima, polo que o importe do recibo da luz chegou a superar os seus ingresos. De feito, houbo a quen lle cortaron a subministración por non lle poder facer fronte á factura.

"Eu tiven que devolvelo este mes. Agora chegoume unha carta reclamándome. Aínda non me chegou o aviso de que me corten a luz, pero supoño que ma van cortar", di unha das vítimas.

Ademais de roubarlles a luz, os afectados denuncian que lles botan no patio interior todo tipo de lixo, como compresas, preservativos ou botellas.

Noticias web

15/03/2021