Veciños do barrio das Flores, na Coruña, din que carecen de accesos para vehículos de emerxencias
Os bloques de edificios e as casas que rodean a praza dos Pinos, no barrio coruñés das Flores, levan anos illados, segundo contan os seus habitantes. O acceso ás vivendas só é posible a través de escaleiras, e o estado de abandono da praza volve máis complicado que os veciños, na súa maioría de idade avanzada, poidan camiñar por ela.
As deficiencias acentúanse aínda máis, segundo contan, cando hai algunha persoa enferma ou cando se produce algún falecemento, pola falta de accesos para vehículos de emerxencias.
A isto hai que sumarlle, segundo din, a falta de limpeza da praza, o estado do cableado e incluso o abandono das escaleiras, que xa trouxeron algún disgusto.
Para esta zona xa se estaba estudando un proxecto para reordenar o espazo, onde estaría indicada a creación de accesos especiais para vehículos de emerxencias, pero aínda non se puxo en marcha. Os veciños esixen solucións.
Din que, de non haber cambios, seguirán insistindo.