CRTVG

Buscar

Veciños do barrio coruñés da Falperra, atemorizados polos ocupantes ilegais de dous edificios

Publicado o 14/10/2020 14:40

No barrio da Falperra non gañan para sustos. Hai aproximadamente un ano que dous edificios da rúa Doutor Fleming foron ocupados e, inicialmente, non houbo problema ningún. Pero hai tres meses as cousas comezaron a cambiar, e a día de hoxe a inseguridade é tal que ata os representantes veciñais están atemorizados.

Segundo un deles, hai unha onda de atracos no barrio, roubos nos coches, acosan as mulleres pola noite, a xente ten medo de saír da casa". Un hostaleiro explica que nas últimas dúas semanas roubaron en varios bares e tendas. "Estamos no centro da Coruña e parece que estamos no Bronx", di outro.

Veciños, comerciantes e hostaleiros teñen moi claro cal é o 'modus operandi' desta xente.

Aseguran que saen ás nove da noite da casa, e acuden a un parque próximo onde "beben e fuman porros, e despois de colocarse, a partir das 12 da noite, cando pechan os locais, comezan a actuar, con total impunidade".

O último altercado produciuse esta mañá, nun supermercado do barrio onde houbo unha agresión. A propiedade dos dous edificios é, ao parecer, dunha entidade bancaria, que segundo explican denunciou a ocupación ilegal hai un ano. Fartos desta situación, piden que as autoridades interveñan para buscar unha solución que lles devolva a tranquilidade. E puntualizan que o problema non ten nada que ver coa xenofobia.

"Estranxeiros que veñan, que nós viaxamos polo mundo e non temos nada en contra, pero ladróns non", di outro empresario do barrio, ao que un comerciante engade: "Que os desaloxen ou que os deixen quedar pero que non nos molesten, é o único que pedimos".

Os veciños convocaran unha concentración de repulsa para o próximo sábado que decidiron adiar polas restricións de reunión impostas pola alerta sanitaria.

Noticias web

14/10/2020