Veciños de Teis protestan contra o peche ao tráfico de dous pasos elevados
As dúas pontes afectadas pola medida comunican ambos os dous lados do barrio de Teis dividido pola autoestrada AP-9 na entrada a Vigo. Desde a súa construción, hai 37 anos, son usadas pola veciñanza como paso peonil e de turismos. O peche ao tráfico supón un grave prexuízo para os veciños que denuncian que quedan incomunicados.
A medida foi adoptada polo concello despois de que a Demarcación de Estradas do Estado sinalara que os pasos elevados son en realidade pasarelas peonís. Os veciños reclaman o arranxo das pontes que, segundo din, están deterioradas en lugar de que se restrinxa o seu uso para vehículos.
Os veciños protagonizan concentracións diarias para impedir a entrada en vigor da medida. Ademais, solicitaron reunións urxentes coas administracións implicadas.